Wednesday 08 de May de 2024

O concello creará unha aplicación informática para a reserva de instalacións deportivas municipais


A iniciativa lévase a cabo co apoio do GDR Costa da Morte.

O Concello vai crear un novo sistema informático que permitirá á cidadanía reservar en liña e automática das instalacións deportivas municipais. O software, consistente nunha aplicación para dispositivos móbiles con pasarela de pago, tamén terá un espazo web accesible desde o portal municipal alaracha.gal.

Así, as persoas usuarias tanto dos pavillóns polideportivos municipais como das pistas de pádel poderán consultar as horas dispoñibles para o aluguer desas instalacións, formalizar a reserva e aboala directamente e de xeito inmediato a calquera hora do día empregando unicamente o seu teléfono móbil ou outro dispositivo informático con conexión á rede. Deste xeito simplificaranse os trámites e facilitarase o acceso dos cidadáns a ditos equipamentos.

Nunha fase inicial o software só permitirá a reserva dos pavillóns e das pistas de pádel, pero a previsión é poder empregalo en fases de implantación posteriores para a xestión das inscricións ás actividades municipais culturais e deportivas, así como outros eventos promovidos polo Concello que requiren de entrada.

En calquera caso, a nova aplicación informática será só unha opción para os usuarios, xa que o Concello manterá en horario de oficina a posibilidade da reserva das instalacións dos modos tradicionais: presencialmente no Concello ou vía telefónica.

Esta iniciativa levarase a cabo co apoio económico do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte ao abeiro da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020 na convocatoria 2023-2024.